Realidade Aumentada
Unha vez máis, temos que resaltar a importancia a repercusión que as tecnoloxías tiveron nas nosas vidas e, por tanto, tamén no mundo educativo. Ben é certo que a aparición de ferramentas innovadoras e didácticas, tales como as pizarras dixitais interactivas (as coñecidas PDI das que xa falamos nunha entrada anterior), chegaron para quedarse na vida cotiá das aulas. En todo caso, e tal e como afirma de la Horra (2017), estas ferramentas innovadoras deben aportar facilidades tanto aos docentes á hora de crear novos materiais como ao alumnado á hora de facer uso dos mesmos. Ademais, cómpre que permitan a interdisciplinariedade desde unha interface máis atractiva para todos. Aquí é onde entra en xogo a realidade aumentada, que é unha nova forma de ver o mundo que nos rodea e que, ademais, xa pode ser empregada por todos grazas á súa adaptación a todos os usuarios por medio de aplicacións como as que trataremos liñas máis adiante. Por tanto, é unha ferramenta máis que temos á nosa disposición para cambiar o enfoque metodolóxico na aula.
Partamos polo punto de partida. ¿Que é a realidade aumentada? Pois ben, esta é o conxunto de tecnoloxías que engaden información virtual á realidade que nos rodea. É dicir, é unha proposta dixital que facilita a interacción duns contidos gráficos cun entorno real por medio dun dispositivo tecnolóxico (teléfonos móbiles, tabletas ou gafas de realidade aumentada, por exemplo), permitindo así que os usuarios experimenten unha nova realidade e perspectiva. Por tanto, desde o punto de vista da educación, a realidade aumentada implica unha serie de innovacións, “novas formas de educar integrando (...) novos conceptos e ideas, novas teorías, procedementos, linguaxes, instrumentos. A característica fundamental da realidade aumentada na demanda é o feito de que o entorno de aprendizaxe adaptase ao estudante”, tal e como recolle Álvarez Morales (2016, p. 196).
Como podemos ver, existe unha gran variedade de situacións nas que podemos utilizar aplicacións de realidade aumentada. No noso caso, focalizado no estudantado de Educación Infantil, podemos traballar, por exemplo, cos nenos e nenas dende a aplicación de Quiver, a cal está deseñada como un libro de debuxos para colorear, permitindo a súa posterior descarga e a animación dos mesmos, o que outorga unha característica final de xogo. Outras aplicacións nesta liña son as que oferta Chromeville, as cales están especialmente destinadas ao alumnado de Educación Infantil e Primaria e que, por medio de colorar debuxos, estes cobran vida, permitindo ao noso alumnado xogar e experimentar con esta realidade. Ademais destas, existen moitas outras de debuxo como Just a Line, por exemplo.
Outro uso desta aplicación que chamou a nosa atención foi a implicación na vida diaria e no fogar. A través desta, podemos optar a ferramentas como o metro (Measure, Ar Measurekit), ver o resultado final dunha reforma (Myty Ar) e mesmo ver se o noso garaxe ten o espazo suficiente para o coche (Edmunds).
Logo de ver estes exemplos tan variados, interesantes e creativos queda claro a versatilidade da Realidade Aumentada. Así pois, decidimos poñernos na busca dalgúns proxectos xa creados que poidan servirnos de referencia ou incluso de inspiración. Un dos que máis nos chamou a atención é o de Valdespartera es cultura (http://valdesparteraescultura.blogspot.com/) que está elaborado polo mestre Domingo da clase de 3 anos do C.E.I.P. Valdespartera 2, coa finalidade de dar a coñecer aos máis cativos as esculturas abandonadas do barrio. Para iso, fixeron uso de modelos 3D de ditas obras e de marcadores de realidade aumentada. Como punto de partida, fixeron unha ruta do traxecto a percorrer para visualizar todas as esculturas de interese, as cales foron explicadas en vídeo polos nenos e nenas e, para o seu acceso, é preciso o uso dun código QR que se atopa aos pés de cada monumento. Ditos códigos foron creados por eles mesmos na aula e, posteriormente, fixeron unha excursión para colocalos en cada unha das escultruras. Para o modelado en 3D fixeron uso da ferramenta SketchUp; Bakia para elaborar os marcadores de realidade aumentada; e Aumentaty, como ferramenta propia da dita tecnoloxía. Logo, na aula, crearon un espazo de realidade aumentada, onde os nenos e nenas, por medio do uso dunha pantalla e dos marcadores que nomeamos anteriormente, xeran as esculturas.
Outro proxecto que captou a nosa atención foi Londres a través de R.A con Aurasma (https://lospequesdemicole.blogspot.com/2014/05/londres-traves-de-ra-con-aurasma.html). Este tiña como obxectivo o de descubrir todos os secretos que escondía esta cidade e, para mostrar o aprendido, o alumnado, logo dunha votación, decidiu crear un plano na cidade con Realidade Aumentada. Para isto, utilizaron a ferramenta Aurasma. Este plano está composto polas imaxes dos monumentos e os vídeos das crianzas sobre os mesmos. Ademais, cabe destacar que este plano non é unha simple fotografía, senón que se trata dun debuxo estilo bosquexo feito a lapis e coloreado con lapis de cores.
Como estes exemplos, hai moitos máis e moi variados, o que representa unha gran gama de posibilidades á hora de ampliar as metodoloxías educativas a aplicar na aula. Por tanto, vemos que a realidade aumentada é unha ferramenta innovadora que nos aporta moitas opcións e oportunidades para o profesorado, así como novos procesos de aprendizaxe para o alumnado. Así pois, como futuras mestras, pensamos facer uso da realidade aumentada nas nosas aulas.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Álvarez Morales, E., Bellezza, A., & Caggiano, V. (2016). Realidad aumentada: Innovación en educación. Didasc@lia : Didáctica y Educación, 7(1), 195-212. URL: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6568046
De la Horra Villacé, G. Iván. (2016). Realidad aumentada, una revolución educativa. Edmetic, revista de Educación Mediática y TIC, 6(1), 9-22. URL: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5911335



Comentarios
Publicar un comentario