ACTIVIDADE VOLUNTARIA
Nesta páxina queremos presentarvos o noso proxecto para traballar coa Realidade Aumentada, decidimos adentrarnos na nosa comunidade autónoma, é dicir, en Galicia, e tratar aqueles aspectos máis relevantes e interesantes de cada provincia, facendo fincapé nos ámbitos que lles resultan máis divertidos ao noso alumnado: os monumentos, os animais característicos de cada zona e algunhas lendas. O que buscamos por medio desta proposta é que os nosos alumnos e alumnas coñezan un pouco máis a nosa terra sen necesidade de saír da aula. Por tanto, facemos uso da realidade aumentada como unha oportunidade para nós como docentes.
Para planificar esta actividade ao longo dunha semana de clase, adicaremos cada día a unha das catro provincias e, dentro de cada unha, faremos diversas actividades tratando os aspectos máis salientables que xa mencionamos. Comezaremos por facer uso do Google Earth, permitindo así que as crianzas sitúen no propio globo terráqueo o punto exacto no que se atopa Galicia e, a medida que nos imos achegando, delimitaremos as catro provincias.
A continuación, ensinarémoslles o Google Mapps como ferramenta de realidade aumentada. Para amosarllo, faremos uso dunha PDI que todos poidan ver correctamente e seguir así a explicación inicial. Deste xeito, situaremos aos nenos e nenas na localización na que estamos, Santiago de Compostela neste caso, e, logo, delimitaremos no propio mapa a provincia en cuestión. Así, facilitámoslles a súa posición con respecto ás diferentes provincias, polo que traballamos a súa relación co mundo en función da proximidade ou da lonxanía. A maiores, presentaremos cada día a bandeira da provincia en cuestión, dando a coñecer un aspecto algo menos coñecido a nivel popular.
Para a seguinte actividade, repartiremos a cada alumno e alumna un mapa da provincia que se está a tratar e, por medio da aplicación de realidade aumentada Zappar.com, os nenos e nenas, tableta en man, irán enfocando as distintas zonas que lles vaian interesando da provincia en cuestión. Neste caso, o que sairá reflexado por medio da realidade aumentada serán os monumentos máis relevantes desa zona en 3D.
O seguinte tema a tratar, serán os animais e, para isto, faremos uso das PDI por medio dun xogo a través do cal presentaremos as imaxes dunha serie de animais característicos de Galia e que as crianzas deberán adiviñar de que lugar se trata cada un deles. Así mesmo, por medio da realidade aumentada e facendo uso dunha tableta, poderán buscarse ditos animais e proxectarse en 3D na propia aula, de xeito que os poidan apreciar máis de preto.
Para a última actividade, presentaremos algunhas lendas. Para enriquecer un pouco máis este proceso e adentrar aos nosos alumnos e alumnas na realidade aumentada, faremos uso dos códigos QR. Estes estarán escondidos pola aula e, unha vez que os nenos e nenas os atopen, poderán escanealo cunha tableta. Ao facelo, serán redirixidos a un vídeo onde se explica cada unha das lendas.
Así pois, vendo os tipos de actividades que nos gustaría traballar nun aula de Educación Infantil, imos ver que contidos máis específicos verían os nosos alumnos e alumnas en cada provincia:
A CORUÑA:
Comezaremos pola provincia da Coruña, a cal amosaromos por medio do uso do Google Maps como ferramenta de realidade aumentada e que representa o terreo do noroeste de Galicia. Neste caso, os nenos e nenas verán que a nosa localización na aula está dentro de dita provincia.
A continuación, repartiremos entre o alumnado un mapa da provincia de A Coruña e, por medio da aplicación de realidade aumentada, os nenos e nenas enfocarán cunha tableta sobre o propio mapa as zonas que lles interesen e, sobre o mesmo, aparecerán proxectados en 3D algún monumentos entre os que podemos destacar algúns exemplos como: a Catedral de Santiago de Compostela, a Torre de Hércules da cidade herculina, os hórreos de Carnota, o faro do Cabo de Fisterra, o faro Vilán de Camariñas, o miradoiro Pedra da Ra de Ribeira, o castro de Baroña, entre outros moitos.
Para presentar os animais que máis representan a esta zona, faremos uso das PDI. A través do xogo que propoñemos, os nenos e nenas deberán recoñecer que. no caso da provincia da Coruña, destacan as gaivotas, o cormorán, o cervo e o lobo.
Por último, para o descubrimento das lendas, faremos uso de códigos QR que estarán escondidos por toda a aula. Neste caso, serán dous, correspondendo cada un deles a unha lenda diferente. Unha vez que os nenos e nenas os atopen, descubrirán as seguintes lendas:
A lenda de María Pita: https://www.youtube.com/watch?v=YEnPOLjwILw&ab_channel=EstrellaAstart%C3%A9RedondoArjones
A historia de Santiago Apóstolo: https://www.youtube.com/watch?v=mDo2Jwi6vgs&ab_channel=INFINITOM%C3%81SUNO
LUGO:
A segunda provincia que presentaremos aos alumnos e alumnas será a provincia de Lugo, a cal está situada ao noroeste de Galicia.
Tras a localización da provincia no mapa, deixaremos que os nenos e nenas xoguen co seu mapa na procura dos monumentos máis característicos, onde destacan a Muralla Romana de Lugo, a Catedral de Mondoñedo ou outros espazos naturais como a Praia das Catedrais e os castros de Fazouro.
Logo, daremos paso aos animais. Onde debemos destacar o zarapito real como característico e exclusivo da Terra Chá, tamén o porco teixo, o xabaril, o coello ou a lontra.
A maiores, daremos a coñecer a personaxe mítica do mago Merlín, quen representa á personaxe que recolle Álvaro Cunqueiro na súa obra Merlín e familia, publicada no ano 1955. Por medio deste personaxe característico que representará o docente, os nenos e nenas irán na busca dos códigos QR para seguir coñecendo máis lendas.
Entre as máis características, atoparán a lenda de Fonsagrada: https://youtu.be/A9lfIQY-mwQ
Para rematar coa provincia de Lugo, xa que os rapaces e rapazas fixeron un bo traballo, darémoslles unha pequena sorpresa! Poderán probar algúns alimentos típicos da provincia tales como queixo de San Simón ou pan de Mondoñedo.
OURENSE:
A seguinte provincia que daremos a coñecer aos nenos e nenas, será a provincia de Ourense, ubicada no sureste de Galicia, sendo así a única provincia sen mar.
Despois da contextualización desta provincia, onde presentaremos o dito tradicional: “Tres cousas hai en Ourense, que non as hai en España, o Santo Cristo, a Ponte, e as Burgas fervendo auga”, entregaremos o mapa da provincia, onde os alumnos e alumnas descubrirán paraxes tan fascinantes como a Ribeira Sacra ou a piscina termal das Burgas, así como monumentos tales como a Catedral de San Martiño de Ourense, a Ponte Vella e a Ponte do Milenio de Ourense, o Castelo de Ribadavia ou o Castelo de Castro Caldelas,
A continuación, os nenos e nenas descubrirán algúns dos animais característicos, cocmo son a cabra montesa, o mocego, o lagarto galego, o parrulo ou corzo.
Para rematar con esta provincia, deixaremos que os nosos alumnos e alumnas descobran a lenda da casa da moura: https://youtu.be/Hp37jC0tqVQ
PONTEVEDRA:
A última provincia que poñeremos en coñecemento do noso alumnado é a de Pontevedra, a cal está situada no suroeste de Galicia.
Algúns dos monumentos e espazos naturais característicos que os nenos e nenas poderán descubrir nos seus mapas serán o parque nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (que inclúen as Cíes, as Ons, a illa de Sálvora e Cortegada), as ruínas de Santo Domingo, os Castros de Santa Tecra, o mosteiro de Santa Clara ou o santuario da Virxe da Peregrina.
Entre os animais que van a coñecer os nosos alumnos nesta provincia están o andarríos chico, o pato, o gato almizclero, o polbo e a ameixa de Carril.
Remataremos a nosa aventura por Pontevedra dándolles a coñecer aos nenos e nenas a lenda da Santa Compaña, unha das máis famosas en Galicia: https://www.youtube.com/watch?v=l1cwV1oCYCE&ab_channel=TikTakDraw
Para rematar esta experiencia, o último día da semana realizaremos unha actividade para recordar todo o aprendido. Para esta actividade utilizaremos un Kahoot.com, unha plataforma gratuíta que permite crear cuestionarios de avaliación. Para este cuestionario utilizaremos distintas imaxes propias de cada sitio e os nenos e nenas terán que elexir a provincia á que cree que pertence.

Comentarios
Publicar un comentario