Gamificación

Nos últimos anos, as Tecnoloxías da Comunicación e a Información (TIC) marcaron e impuxeron unha serie de cambios tanto no estilo de vida, como no de relacionarnos a nivel social. Por tanto, na educación tamén se plasman os efectos destas por medio de metodoloxías diferentes, como é a gamificación.

    Sánchez i Peris (2015, p.13) fala da gamificación como “un excelente modo de incrementar a concentración, o esforzo e a motivación fundamentada no recoñecemento, o logro, a competencia, a colaboración, a autoexpresión e todas as potencialidades educativas compartidas polas actividades lúdicas”. Así pois, esta metodoloxía fai uso do xogo para levar a cabo accións educativas dunha maneira máis personalizada e adaptada ao contexto e temática que máis nos interese en cada momento, mellorando así a capacidade de atención do noso alumnado. O feito de propoñer unha actividade diferente, fomenta o incremento da motivación, así como a participación dos nenos e nenas. A maiores, tal e como defenden Gil e Prieto (2019), o uso de metodoloxías como a gamificación permite a expansión do espazo educativo, indo máis alá das catro paredes que representan a propia aula. Ademais, os alumnos e alumnas que están actualmente nas aulas de Educación Infantil son totalmente nativos dixitais, polo que o uso das TIC resulta algo familiar para eles e, por tanto, doado, facilitando que se centren no propio proceso de ensino-aprendizaxe.

    Investigando sobre o proceso de gamificación, demos co proxecto Un mundo mejor (https://view.genial.ly/5c8ff05fe1906b76bf542fea/presentation-gamificacion-infantil-un-mundo-mejor). Por medio deste proxecto, a docente proponse tratar o tema da importancia da natureza na vida do ser humano, así como o fomento da conciencia de reciclaxe e de coidado do medio ambiente. Para iso, fai uso da figura duns astronautas, os cales chegaron á aula para poñela patas arriba e deixarlles unha caixa sorpresa con unha importante misión. Dentro da caixa hai dous códigos QR: o primei deles, leva a un vídeo dun astronauta que lles pide que realicen unha importante misión en contra do quecemento global e, para axudarlles a salvar o planeta terán que superar catro retos; e, o segundo vídeo, leva a outro astronauta que propón o primeiro reto. Así, a medida que avanzan, superando cada reto, soben de nivel e obteñen información sobre o seguinte. Deste xeito, as propostas de reto son as seguintes:

  • Reto 1: Taller de reciclaxe de papel.

  • Reto 2: concienciar sobre a reciclaxe a través de publicidade.

  • Vilán.

  • Reto 3: axudar aos animais, apadriñamento dun pingüín.

  • Reto 4: investigar sobre animais en perigo de extinción para poder axudalos

Ao final, pónselles un vídeo agradecéndolles a súa colaboración e lles dan carnés da NASA. E realizan unha actividade posterior, unha rifa solidaria a festa de despedida de infantil e sorteaban un cadro colaborativo de Andy Warhel feito polos nenos e nenas da clase.

A NOSA PROPOSTA

    A continuación, queremos presentarvos o noso propio programa de gamificación, ao cal decidimos chamar Alicia e o país das emocións. Para levalo a cabo, nos servimos do conto clásico de Lewis Carroll, por considerar que ten moito atractivo para os nenos e nenas, e tamén para os docentes. Así mesmo, enmarcamos a nosa proposta no marco das crianzas do primeiro curso do segundo ciclo de Educación Infantil, é dicir, alumnado de arredor dos 3-4 anos. 

    Seguindo os obxectivos e contidos ditados polo Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, por medio desta actividade queremos traballar a identificación dos propios sentimentos, emocións, necesidades e preferencias, así como a capacidade de expresalos e comunicalos, ademais de identificar e representar os das outras persoas. Por outra parte, buscamos descubrir, coñecer e vivir o xogo como medio que favorece a aceptación propia, o desenvolvemento humano, a manifestación das emocións, o respecto ás demais persoas, a aceptación de regras, a seguridade persoal… Esta proposta levarase a cabo ao rematar a explicación das emocións, a modo reforzo e repaso das mesmas.

    Para Alicia e o país das emocións o docente decorará a aula con motivos do conto orixinal, de xeito que transporte ás crianzas a un entorno coñecido pero diferente. Para este programa, as personaxes, representadas polos nosos alumnos e alumnas, están atrapados no país das emocións e, para poder saír del, teñen que superar unha serie de retos. Para iso, os nenos e as nenas dividiranse en catro grupos e, cada un deles, representará unha emoción. As catro que escollemos, en base ao nivel educativo ao que vai destinada esta actividade, son as seguintes: alegría, tristeza, sorpresa e enfado. Pola súa banda, a mestra ou mestre, adquirirá o rol do Sombrerero Loco, presentándose caracterizado como esta personaxe do conto clásico, e actuará como mestre de cerimonias. Por tanto, este ou esta será quen propoña os retos a superar, así como será a persoa encargada de ir outorgando os premios a medida que se superan os retos.

En base aos obxectivos a traballar con esta actividade e dentro do marco desta temática, propoñemos os seguintes retos a superar:

  • Reto 1. O Sobrero Loco dividirá ao alumnado en catro grupos e asignará a cada un deles unha emoción (alegría, tristeza, sorpresa, enfado), pero o resto dos compañeiros e compañeiras non coñecerán que emoción é asignada a cada equipo. Así pois, por medio da mímica, cada grupo deberá representar a emoción que lle tocou, de xeito que o resto da clase ten que adiviñar dito estado de ánimo. Se conseguen que os seus compañeiros e compañeiras acerten a emoción, recibirán o premio que lles permitirá pasar ao segundo reto! Nesta ocasión, o premio será unha camisola ou peto da cor correspondente á emoción que representan:

    • Alegría: Amarelo

    • Tristeza: Azul

    • Sorpresa: Laranxa

    • Enfado: Vermello

    Unha vez que están caracterizados por medio da cor da emoción do seu equipo, poden continuar co seguinte reto.

  • Reto 2. Para superar este reto, será preciso o uso das PDI (Pantallas Dixitais Interactivas). Esta proba consistirá en unir as emocións das distintas personaxes do conto tradicional (Alicia, Raíña de Corazóns, o Coello Branco e o Gato de Cheshire) coas catro emocións que se amosan por medio das iconas de referencia. Deste xeito, comezarán a asociar a expresión de cada sentimento con como se senten as persoas nese momento, para así poder comprender aos compañeiros en todo momento

    A medida que cada equipo vaia conseguindo asociar correctamente estas emocións coa personaxe correcta, obterán o premio correspondente, que lles permitirá continuar coa súa viaxe no Reto 3. Neste caso, obterán dúas cousas:
- A primeira peza dun crebacabezas, a cal deberán gardar ata o final do xogo. 

- Unha botella pequena cun líquido máxico (auga) que poña "bébeme". Ao beber deste líquido, faranse máis pequenos, ao igual que Alicia.

   
  •  Reto 3. Para este terceiro reto, precisaremos un dado das emocións xigante, pois non esquezamos que os nenos “fixéronse máis pequenos” ao beber o líquido máxico da botella e temos que facer que sintan esta sensación. Así pois, a actividade consistirá en lanzar o dado das emocións e asocialo con vivenzas persoais. 

Este dado ten representadas diferentes emocións, en concreto o enfado, a tristeza, a felicidade, a vergoña, a sorpresa e o medo. Logo de lanzalo, cando vexan a emoción que lle tocou a cada equipo, terán que contar ao resto de compañeiros e compañeiras unha experiencia na que experimentaran esa emoción. O ideal é que cada membro do equipo faga a súa aportación. Con isto, os nenos e as nenas, ademais de ir relacionando as expresións coas emocións, tamén farán un exercicio de memoria a longo prazo e aprenderán a identificar a emoción que senten en diferentes situacións e a falar delas, exteriorizándoas. 

    Cando varios membros do equipo compartan a súa experiencia e este sexa adecuada á emoción que lles tocou, o Sobrereiro Loco irá sumando os puntos adquiridos por experiencias correctas. Ao superar as tres experiencias, o equipo recibirá o premio que lle permitirá continuar co seguinte reto e, por tanto, continuar coa súa aventura. Os premios que se outorgarán nesta ocasión serán:

        - A segunda peza do crebacabezas, a cal deberán gardar ata o final do xogo.

- Unha galleta para cada un que porá “cómeme”. Esta convertiraos en xigantes!

  • Reto 4. Para continuar con esta aventura, deberán superar un bingo das emocións. Cada compoñente dos equipos terá un taboleiro cos seis rostros que aparecían no dado do reto anterior. De xeito que o Sombrereiro Loco irá sacando dunha caixa as distintas emocións e os alumnos e alumnas deberán ir marcando aquelas que lles vaian saíndo e que recoñezan no seu taboleiro (isto vai axudar ao docente a avaliar se os nenos e nenas foron adquirindo os coñecementos relativos ás emocións que están a traballar).

    A medida que cada crianza vaia marcando unha liña, terá que gritar “LIÑA” e sumará un punto para o seu equipo. Gañará aquel equipo que consiga que todos os seus compoñentes cubran primeiro unha liña. 

    O xogo continuará ata que todos membros dos catro equipos completen a súa liña e, por tanto, accedan ao seu premio. Neste caso, a recompensa por superar este reto consistirá en:






        - A terceira peza do crebacabezas, a cal deberán gardar xunto co resto ata o final do xogo para poder completar o debuxo.

- Unha peza de froita (cereixa ou fresa) ou un anaco dunha (plátano, mazá, pera) que os devolva ao seu tamaño orixinal.

Reto 5. Estamos a chegar ao final desta aventura, mais para poder saír do mundo das emocións, deberán facer fronte a un último reto, no cal terán que expresar de maneira artística as mesmas. Para iso terá lugar o Concurso “Debuxa a música”. Por medio deste, o Sombrerero Loco fará soar unha música e os membros de cada equipo darán renda solta á súa creatividade. Para iso, sobre uns paneis colocados nas paredes da aula, poderán debuxar o que a música lles transmite, tendo á súa disposición os materiais e cores que desexen. Isto repetirase cos catro equipos.

    Unha vez finalizados os catro, valorarán entre eles cal é a obra que mellor está. Aínda que, en realidade, todos serán gañadores deste reto polo feito de participar e deixar voar a súa imaxinación, así como plasmala por medio da pintura expresando as súas emocións.
    A recompensa deste último reto será a peza que falta para completar dito crebacabezas.

Unha vez conseguidos todos os retos, voltarán ao mundo real. Para completar o recordo desta grande experiencia no país das emocións, unirán todas as pezas obtidas ao longo dos retos, coma se fose un crebacabezas, xuntándoas e pegándoas nunha cartolina. Deste xeito, obterán un debuxo de Alicia no país de las maravillas que pintarán e decorarán como máis lles guste.

    Como vemos, ao longo desta proposta de gamificación, os nenos e nenas irán traballando as emocións por medio dunha estratexia que lles resulta divertida: o xogo. Así mesmo, tamén se fai uso das TIC e dos recursos que a aula ofrece. Por medio desta experiencia, estarase a fomentar tamén a motivación de logro e o desenvolvemento de capacidades como a intelixencia emocional ou a artística, acadando a autoexpresión. Ademais, trabállase para a adquisición da habilidade social de colaboración, posto que todos os membros dos equipos deberán traballar na mesma dirección e lograr superar cada reto. 

Pese a que este proxecto de gamificación está pensado para levar a cabo con nenos de 3 a 4 anos, este pode ser adaptado a outros niveis superiores, por medio do aumento da complexidade dos retos, facéndoos así máis acordes á idade que interese traballar.


REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Decreto 330/2009, do 4 de Xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, núm. 121, de 23 de Xuño 2009, pp. 10773 a 10799 https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2009/20090623/Anuncio202E2_es.ht

Gil Quintana, J., & Prieto Jurado, E. (2019). Juego y gamificación, Innovación educativa en una sociedad en continuo cambio. Ensayos Pedagógicos, 14(1), 69. DOI:10.15359/rep.14-1.5

Sánchez I Peris, Francesc Josep. (2015). Gamificación. Teoría De La Educación, 16(2), 13. DOI:10.14201/eks2015162131


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Privacidade, sharenting e dereito ao esquecemento

Descubre o noso portfolio

Videotitorial "Pompas de xabón"