Privacidade, sharenting e dereito ao esquecemento

Hoxe en día, vivimos nunha sociedade dixital na que o uso das tecnoloxías por parte da poboación infantil é moi elevada, polo que é habitual que vexamos como os nenos e nenas comezan a utilizar as tecnoloxías desde cada vez máis pequenos. É unha escena moi habitual a que presenciamos nos bares ou restaurantes, onde vemos que pais e nais lles dan o teléfono móbil ou a tablet aos seus fillos e fillas para que estes deixen de chorar ou estean entretidos e, por tanto, non molesten aos adultos. Deste xeito, semella que as crianzas teñen máis relación coas tecnoloxías que coas propias persoas. Por tanto, non resulta impactante ver como os nenos e nenas utilizan as tecnoloxías mesmo mellor que algúns adultos, chegando a non prestar atención ao que están a facer. Por tanto, vemos que non vivimos coa tecnoloxía, senón que vivimos nela.

Estamos a falar, por tanto, da Xeración Z (nados entre mediados dos anos 90 e o ano 2010) e da Xeración Alfa (nados a partir do ano 2010), sendo esta última a primeira xeración de rapaces e rapazas nativos dixitais na súa totalidade. Isto implica o descoñecemento do analóxico e o rexeitamento a unha volta ao pasado, posto que, para eles, o móbil é unha extensión do seu brazo e non conciben a súa vida sen as TIC e sen conexión a Internet.

Como xa todos sabemos, Internet é un mundo case infinito de posibilidades, mais non todas son positivas, senón que, facendo un uso inadecuado do mesmo, pode traer problemas. Ben é certo que existen controis parentais, antivirus e outras formas de evitar ou reducir os perigos ou os contidos prexudiciais. Aínda así, isto non é suficiente. Para tentar reducir ao máximo estes perigos que nos podemos atopar na rede é moi importante que os nenos e nenas reciban un tipo de educación dixital na que se lles fale de ameazas como o ciberacoso ou ciberbullying, o grooming, a revelación de información privada, a importancia da privacidade…, así como da importancia de preservar a súa intimidade.

Como punto de partida, é importante para os nenos e nenas o fomento do uso de alcumes en lugar do nome real; a aprendizaxe sobre Internet cos seus pais; o aprender a actuar con intelixencia, educación e responsabilidade; o acceso a contidos aptos para a súa idade; deixarse axudar se se presenta algún problema; e, ante todo, ser precabidos ante calquera situación e non compartir todo na rede. Cómpre ademais que non esquezan en ningún momento que a privacidade é tamén algo que deben ter en conta e que os límites os establecen eles mesmos en función da súa actividade na rede.

Todo apunta a que estes puntos si están a ser aplicados na educación dos cativos e cativas, posto que, en teoría, saben que non deben compartilo todo nin deben falar con calquera a través das redes, pero son realmente tan recelosos da súa intimidade? Se temos en conta que Internet é a sociedade das Xeracións Z e Alfa e que esta se move polo fenómeno base da viralización, non semella tan sinxelo cumprir cunha serie de pautas de protección de cara á preservación da privacidade. Redes como Instagram ou Twitter son empregadas por estas xeracións como medios para relacionarse, coñecerse e, por tanto, interactuar co mundo. Cando os referentes son persoas como os influencers que tan de moda se puxeron nos últimos anos, como non van seguir este modelo de uso das redes as novas xeracións? Este é o punto no que nos atopamos na actualidade, onde se comparte cada momento da vida persoal e privada, rexeitando o mantemento da privacidade. E este problema non é só das Xeracións Z e Alfa, senón que as xeracións anteriores, en especial as dos pais orgullosos, tamén caen nesta perda da privacidade ao entrar neste xogo por medio do sharenting (share + parenting, é dicir, compartir a paternidade). Está ben sentir contento ou orgulloso dos fillos e fillas, pero non por iso se debe caer en publicar cada avance ou cada momento deles. Isto estase a converter nun problema, xa que son moitos os menores que dispoñen xa de pegada dixital. Ben é certo que son os seus pais os que deciden sobre a súa privacidade, pero quen sabe? Ao mellor, nun futuro, estes cativos e cativas non queren estar presentes en redes sociais. Entra aquí en xogo o dereito ao esquecemento, tamén coñecido como dereito á supresión. Debemos ter o dereito a escoller o que se comparte nas redes e, o que é máis importante, o dereito a impedir que se divulgue información persoal por medio de Internet, especialmente cando esta non cumpre cos requisitos da normativa vixente. A protección de datos é de vital importancia na rede, unido aos dereitos á honra, á intimidade e á imaxe persoal. Temos que poder esquecer, é dicir, suprimir da rede, toda aquela información que xa non queremos que sexa de dominio público sen opcións a que esta poida ser rastrexada tras a súa eliminación.

Por tanto, a educación dixital é algo fundamental a tratar desde os primeiros anos de vida coa finalidade de evitar problemas nas redes. Esta debe basearse no respecto á privacidade propia e das que nos rodean, no dereito á intimidade e á propia imaxe, no respecto como valor esencial á hora de tratar calquera aspecto na rede e, en especial, no uso responsable da mesma e das TIC.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Descubre o noso portfolio

Videotitorial "Pompas de xabón"